18 xaneiro 2023

Reflexións sobre os topónimos A Rata, As Ratas, Campo da/s Rata/s.

 Foto do Campo das Ratas

Ao entrar en Melide ou sair, dependendo de onde veñas, os nosos ollos reparan de contado neste nome “A Rata”.  A primeira idea que nos vén á cabeza é que a súa veciñanza non estará moi contenta co nome que lles tocou lidiar. Así que pensamos botarlles unha man para eliminar calquera tipo de intrusión pexorativa.

Pero, como as penas compartidas son menos penas, este mesmo nome repítese nas Neves e a súa forma de plural,  en Cedeira. Pero tamén aparece como “Campo das Ratas” no concello de Narón e Miradoiro do Campo da Rata en Redondela. E, xa para rematar a relación “Campo da Rata” na Coruña. Tristemente, este quizáis é o máis coñecido por encontrarse aquí o “Monumento en homenaxe ás víctimas da represión franquista”.

Entón chamamos ao Hamelim de turno para que nos libre de tanta rata.  Pero resulta que pouco traballo vai ter porque a devandita praga non vén provocada por estes roedores. Estaría posiblemente relacionada coas bestas de carga ou cabalerías. Derivada do termo  arreata/arriata (“levar as bestas de arriata”), unha forma de levar ás bestas xuntas unhas a outras polo cabestro das albardas. Estas formas aparecen recollidas en diccionarios galegos e portugueses .En asturiano aparece como “arratar”, que presenta unha lixeira diferencia  léxica “atar as patas dos animais para que non escapen”. E, ampliando horizontes, en castelán sería “A reata”.

A deturpación do topónimo seguiu un proceso bastante habitual, como nos casos tan coñecidos de A Grela ou O Grove.


BIBLIOGRAFÍA:

Tesoro de los diccionarios históricos de la Lengua Española”.

Diccionario Estraviz

Diccionario portugués

Diccionario General de la Lengua Asturiana

(Foto de pishqu M).


08 xaneiro 2023

Perillo



 PERILLO

Neste mundo da toponimia temos un enemigo ao que sempre nos toca enfrentar ou esquivar, a homofonía. De cote tratamos de axustar a busca a aqueles vocablos que nos soan parecidos ao que buscamos. E partindo desta premisa, imos desbotar algunas ideas facilonas, como que o noso Perillo podería vir dun “tipo de panciño doce e con picos ao redor, ou dun “apéndice largo que teñen no pescozo algúns animais”… e, supoñemos que poderíamos encontrar máis significados. E cada vez nos iríamos afastando máis do significado orixinal.

Cremos que Perillo é un orónimo que deriva da palabra latina “petriculum” (diminutivo de “petra”) con significado de pedra, escollo, prominencia rochosa.

Aparece xa documentado nun cartulario de Santiago, do ano 1105 “cum cunctis suis operibus et hedificiis cunctis per suos terminos antiquos in omnique giro. id est contra coris consumario perillo que se figet in illa archa de Campara, et inde. per Fontem Benedicenti. et per illo rego”. E tamén o seu cognato Peroselo, nunha relación de igrexas co nome de “sanctus Martinus de Peroselo” noutro códice do Tombo do Mosteiro de Samos do ano 997. 

Seica tamén foi un nome abondoso en época medieval o antropónimo Pero (hoxendía, Pedro), Así me vén á cabeza aquel Pero Meogo, xograr do S. XIII da nosa rica Lírica Galaico Portuguesa. Tamén todos aqueles que levan o apelido Pérez/Peres. E, transpasando as nosas fronteiras lingüisticas, os de nome catalán Pere.

E rematamos que o noso topónimo ten unha parentela moi extensa: Perillón, Perillona (A), Perillán, Perillana (A), Peracova, Peralbar, Peredo, Pereda, Peroselo, Perouta, Peroxa (A) e un largo ecetera.



BIBLIOGRAFÍA:

Diccionario de latín.

Codolga.

Nomenclator de Galicia.

José Carlos Sánchez-Pardo “Topónimos y advocaciones … en los nombres de las parroquias rurales gallegas”.

Dolores González “Arqueotoponimia”








13 decembro 2022

Deza e os “outros” dezaos

 

MOTIVACIÓN:

Xa coñecemos o corónimo Deza dende hai tempo. Unha bisbarra que percorremos de cote, camiño das terras do sur. Tamén o nome do río, que discurre polo seu territorio e que posiblemente fose o causante do devandito topónimo. (Este caso lémbranos o do Barbanza e a sua contorna).

Así que viaxando por terras aragonesas, camiño de Almazán, vimos unha desviación a Deza. Resulta que por alí hai unha pequena localidade soriana con ese nome, que tivo moita importancia nas  loitas medievais entre os reinos de Aragón e Castela. Así que ese nome trasladounos no espacio ás nosas terras do  interior de Galicia.

E pouco a pouco, tirando do fio, fomos sacando datos. De todos é sabido que Deza non aparece no Nomenclator de Galicia por non ser unha unidade poboacional, como xa comentamos ao principio. Anque aparecen algúns parentes próximos: Cardezana, en Covelo (PO), Ribadeza, en Mazaricos (CO) e Os Dezas, en Touro (CO).


PESQUISAS:

No CODOLGA aparecen múltiples citas, as máis antigas como "Comitatus Deza" (ano 569) e "Comitatus Decensis" (año 572), na documentación relacionada con dous  concilios celebrados en  Braga. No reinado do rei Teodomiro creáronse once condados (comitatus) na diócese de Lugo.En todas as páxinas, froito dun "copia e pega", indican que o nome deriva de Dezam, pero non hai constancia documental ninguna de lugar con ese nome. Cremos que deriva do corónimo Deza, así como o hidrónimo do mesmo nome  Xa que a única  interpretación que encontramos para a voz Deza lévanos as linguas indoeuropeas, no sánscrito aparece "deśá" con significado «localidade, terra de naturalidade, lugar; rexion, província, país, nación».

Outra curiosidade aportada polo profesor A. de Almeida Fernandes considera que as poboacións portuguesas Dossãos, en Vila Verde (Braga), e Lações, en Oliveira de Azemeis (Aveiro) teñen como base "dezanos", xentilicio que apunta a sua orixe aos emigrantes fundadores desas dúas poboacións portuguesas. Dossãos aparece documentado como "dezaos" en 1220 e 1258. E Lações  correspondería á evolución Dossãos, correspondendo ao topónimo Dezanos (922).


BIBLIOGRAFIA:

Nomenclator de Galicia.

Codolga.

Manuel Carvalho Blog “De Aveiro e Portugal"

Portugaliae Monumenta Historica: Diplomata et Chartae.

Brujulea.net 





06 novembro 2022

La gallega de Burgos


Saíndo de terras sorianas pola N 234, camiño de Salas de los Infantes, para o nosa sorpresa aparece o letreiro “La Gallega”. A estrada pica cara arriba por terras parameriras e, ao chegar ao cimo, a máis de mil metros de altitude, asoma outro letreiro, “Alto de la Gallega”. A nosa cabeza xa empeza a rebulir, tratando de buscar resposta a esta “gallega”. Quen sería esta  galega que caeu por aquí, como chegaría a estas terras silandeiras, etc ? Estamos acostumados a ver topónimos relacionados con posesores ou administradores de terras ou granxas medievais, derivados de nomes xermánicos. Pois non. Este topónimo aparece recollido no cartulario, no ano 1211, ao documentarse unha alberguería de nome “El Gallego”. E poucos anos depois, en 1217, aparece xa como “Sancti Micaelis de Gallego”, no Camiño Soriano-Aragonés da Rota Xacobea. Non sabemos as causas do cambio de xénero do topónimo, pero aí queda retratada esta pequena poboación burgalesa. Actualmente conta con 44 habitantes, que reciben o nome de “galleganos”. Dedícanse ao turismo,polas súa condicións naturais, deixando o pastoreo tradicional que practicaban os seus devanceiros.

toponimiacuriosa

BIBLIOGRAFÍA:

Wikipedia.org

Brujulea.net

Fotografía de la Diputación de Burgos.

31 maio 2022

Ricosende - Patrimonio en perigo


Ricosende

 Hoxe descubrimos que este pequeno lugar existe e está en terras de Valdeorras. E xa se nos espertaron as gañas de coñecer algo máis. . Pertence ao concello de Carballeda, considerado "capital da pizarra".  E tan só conta con 4 habitantes. Esta vén sendo a triste realidade da "Galicia baleirada". 

Pero sigamos polo eido toponímico.  Moitas veces a homonimia nos leva a conclusións erróneas.  Así que tirando dos medios de consulta que temos á nosa man, chegamos a concluir que o devandito topónimo é de procedencia xermánica. Quizais unha  (Villam) Recosindi ou de Recesindus, nome documentado en numerosas ocasións dende o S. VIII en adiante. Nome do patrón ou propietario medieval que fundou ou dirixiu este predio.

Bibliografia:

Celtiberia.net  "Toponimia gallega de origen antroponímico".

CODOLGA

(Fotografía de Promecom).

06 marzo 2022

Parroquias e lugares do Incio: Toldaos

TOLDAOS (Santiago).

PROCEDENCIA: TOLEDANOS<TOLDANOS<TOLDAOS.

Toldaos deriva seguramente do xentilicio “toldanos”, recollido en múltiples documentos a partir do século VIII, segundo o CODOLGA. Menéndez Pidal os relaciona con Toledo, pois daquelas terras viñeron moitos mazárabes fuxindo da guerra e posterior ocupación árabe do seu territorio. Tamén os columbrianos ou columbranos, orixinarios de Coimbra, deron o seu nome a Cumbraos (Mesía).

O topónimo Toldaos e variantes concéntranse en territorio do antiguo reino de León, sobre todos nas actuais provincias de Lugo e A Coruña. A Tolda de Mlleirós, A Tolda (11), Toldao (2), Toldaos (5), Toldavia. E máis un Toledanos en León.

Outra hipótese, segundo J. Corominas e outros autores, podería ser que “tolda” viñese da raíz celta tol- e as súas variantes tel-, tul-, con significación de “lugar de augas”, “lamazal”, “sitio pantanoso”.

Tampouco debemos esquecer a chamada “Táboa de Hospitalidade do Caurel”. Nela aparece una referencia aos “castellani toleteses”, que terían que ver coa “tutela”, quizáis en referencia a eses puntos (toldas), a nivel de río, para o control do seu paso. Derivado da palabra latina “tutus”, con significado de “seguro, defendido, protegido”.

Por último, tocante á Tolda de Castilla, na entrada de Lugo. A actual Porta de San Pedro da muralla de Lugo, tamén chamada “Porta Toledana”, sería porque comunicaba co barrio da Tolda?


BIBLIOGRAFÍA

José Carlos Sánchez Pardo, “Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la plena Edad Media”

Antonio Rodríguez Colmenero, “La nueva tabula hospitalis de la civitas Lougeiorum”

Dolores González, blog Arqueotoponimia.

www.celtiberia.net/ “La Tabla de Hospitalidad de O Caurel”

CODOLGA.

22 xaneiro 2022

Punta Herminia, entre deuses, patricios e demais


Punta Herminia

Este promontorio que mira á Torre de Hércules non pasa desapercibido a ninguén. Xa os romanos levantaron nesta zona o faro que guiaría ás súas naves a porto seguro.
Hai xente que relaciona o seu topónimo cos deuses, en concreto co deus Hermes. Pero claro os romanos non levantaban os seus monumentos dedicándoos a deuses gregos.
Outras mentes cren que podería estar relacionado co adxectivo “ermo”, por ser un lugar baleiro, inhóspito.
Pero é case seguro que o devandito topónimo estaría relacionado co nome de Cayo Sevius Lupus, arquitecto lusitano “aerminiensis”, que aparece na inscrición pétrea grabada no monumento. Aeminium aparece documentada pois foi unha cidade romana, que hoxe sería a actual Coimbra.
Pero sempre haberá quen pique máis alto e o queira relacionar coa “Gens Herminia”, casa patricia da Antiga Roma.





BIBLIOGRAFÍA: