Ao entrar en Melide ou sair, dependendo de onde veñas, os
nosos ollos reparan de contado neste nome “A Rata”. A primeira idea que nos vén á cabeza é que a súa
veciñanza non estará moi contenta co nome que lles tocou lidiar. Así que
pensamos botarlles unha man para eliminar calquera tipo de intrusión
pexorativa.
Pero, como as penas compartidas son menos penas, este mesmo
nome repítese nas Neves e a súa forma de plural, en Cedeira. Pero tamén aparece como “Campo
das Ratas” no concello de Narón e “Campo
da Rata” na Coruña. Tristemente, este é o máis coñecido por encontrarse aquí
o “Monumento en homenaxe as víctimas da
represión franquista”.
Entón chamamos ao Hamelim de turno para que nos libre de tanta rata. Pero resulta que pouco traballo vai ter porque a devandita praga non vén provocada por estes roedores. Estaría posiblemente relacionada coas bestas de carga ou cabalerías. Derivada do termo arreata/arriata (“levar as bestas de arriata”), unha forma de levar ás bestas xuntas unhas a outras polo cabestro das albardas. Estas formas aparecen recollidas en diccionarios galegos e portugueses .En asturiano aparece como “arratar”, que presenta unha lixeira diferencia léxica “atar as patas dos animais para que non escapen”. A deturpación do topónimo segue un proceso bastante corriente como en casos tan coñecidos como A Grela ou O Grove.
BIBLIOGRAFÍA:
“Tesoro de los diccionarios históricos de la Lengua Española”.
Diccionario portugués
Diccionario General de la Lengua Asturiana
(Foto de pishqu M).