Amosando publicacións coa etiqueta Toponimia de Oleiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toponimia de Oleiros. Amosar todas as publicacións

08 xaneiro 2023

Perillo



 PERILLO

Neste mundo da toponimia temos un enemigo ao que sempre nos toca enfrentar ou esquivar, a homofonía. De cote tratamos de axustar a busca a aqueles vocablos que nos soan parecidos ao que buscamos. E partindo desta premisa, imos desbotar algunas ideas facilonas, como que o noso Perillo podería vir dun “tipo de panciño doce e con picos ao redor, ou dun “apéndice largo que teñen no pescozo algúns animais”… e, supoñemos que poderíamos encontrar máis significados. E cada vez nos iríamos afastando máis do significado orixinal.

Cremos que Perillo é un orónimo que deriva da palabra latina “petriculum” (diminutivo de “petra”) con significado de pedra, escollo, prominencia rochosa.

Aparece xa documentado nun cartulario de Santiago, do ano 1105 “cum cunctis suis operibus et hedificiis cunctis per suos terminos antiquos in omnique giro. id est contra coris consumario perillo que se figet in illa archa de Campara, et inde. per Fontem Benedicenti. et per illo rego”. E tamén o seu cognato Peroselo, nunha relación de igrexas co nome de “sanctus Martinus de Peroselo” noutro códice do Tombo do Mosteiro de Samos do ano 997. 

Seica tamén foi un nome abondoso en época medieval o antropónimo Pero (hoxendía, Pedro), Así me vén á cabeza aquel Pero Meogo, xograr do S. XIII da nosa rica Lírica Galaico Portuguesa. Tamén todos aqueles que levan o apelido Pérez/Peres. E, transpasando as nosas fronteiras lingüisticas, os de nome catalán Pere.

E rematamos que o noso topónimo ten unha parentela moi extensa: Perillón, Perillona (A), Perillán, Perillana (A), Peracova, Peralbar, Peredo, Pereda, Peroselo, Perouta, Peroxa (A) e un largo ecetera.



BIBLIOGRAFÍA:

Diccionario de latín.

Codolga.

Nomenclator de Galicia.

José Carlos Sánchez-Pardo “Topónimos y advocaciones … en los nombres de las parroquias rurales gallegas”.

Dolores González “Arqueotoponimia”








19 xuño 2021

Oleiros e as súas parroquias


 

SERANTES. SAN XIÁN.

Resulta un xenitivo en –nte, de raíz incerta. Para Iiro Kajanto parece formado sobre o cognome latino Serus. Hipótese pouco probable pois este topónimo  localízase a eito en dez concellos distintos galegos e cinco de Asturias. Sería moita familia a de Serus para tan estenso territorio. 

Tamén podería derivar do participio  do verbo latino sero -as -are, de onde vén *serar >>  cerrar, zarrar. Seguindo a liña de serao/ serán. O seu significado podería estar relacionado coa forma de orientación: Serante(s) = Occidente, Poente. 

Outra hipótese sería que derivase do verbo latino * sero, -is, -ere, sevi, satum, que significa “sembrar” . Tráenos un agradable cheiro a “terras propicias para a sembra, para o cultivo”. Que non desentona para nada coa tipoloxía destas terras. 

Pero unha nova vía ábrese nos últimos tempos. A forma Sarantes  aparece documentada en múltiples ocasións dende o  S. XI en todo o territorio galaico Resulta bastante común encontrar este tipo de vacilación ou alternancia vocálica, producto das características fonéticas do galego. Que nos leva a pensar na  raiz indoeuropea “sher”, que significa “auga que corre” , aplicable a lugares con abundancia de augas, río, lago, charcas, etc. Temos en Galicia exemplos de hidrónimos con estas raíces, coma son os dos ríos Sar, Sor e Sarela. E a verdade é que á nosa parroquia sóbralle auga, cos seus ríos, lagoa e mar que a rodean por todas partes.


BIBLIOGRAFÍA:

Diversos foros:

https://www.facebook.com/toponimia da gallaecia/

https://www.celtiberia.net/

http://seron.tv/

https://foros.xenealoxia.org/

Santurtzi Historian Zehar, "Etimología del topónimo Serantes".

Xosé Lluis García Arias, "Toponimia Asturiana".

Agradecementos a Conchita Fernández López.