24 xullo 2023

OLEIROS

OLEIROS 



PARROQUIAS:

SERANTES, SAN XIAO.


 


A primeira vista, parecería un topónimo transparente xa que encontramos 16 formas iguais ou con lixeiras variantes segundo no NG. recolléndose case todos na parte occidental de Galicia. Continúa a espallarse en menor medida por Asturias, chegando de forma excepcional, en forma de orónimo, a Vizcaia.
O Padre Sarmiento xa o relacionaba co verbo latino “sero” (plantar, cultivar). Outros filólogos modernos postulan que podería derivar dun antropónimo, uns a partir do nome persoal Serus e outros , de Sarranates. Aínda complica máis a cousa comprobar que na Idade Media este topónimo aparece maioritariamente recollido nos documentos oficiais como “Sarantes”.
Polo que a hipótese máis sólida é que poda derivar da raíz sar-,apostando por unha base hidrotoponímica de sustrato indoeuropeo. Moitos hidrónimos galegos presentan esta raíz: Sar, Sor, Ser, Sarria e formas derivadas ou compostas. Seguido do sufixo -ntes, morfema con valor étnico ou tribal, apuntaría ao sentido etimolóxico de “habitantes do río, da ribeira ou da lagoa”.


BIBLIOGRAFÍA:

Nomenclator de Galicia (N.G.)
CODOLGA.
Hermo González, Gonzalo. “Topónimos de base Sarand- e Serant-; unha hipótese etimolóxica común”.
Moralejo Laso, J.J. “Hidronimia prerromana de Gallaecia”.
Bascuas, Edelmiro. “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega”
Garcia Arias, X.L. “Toponimia asturiana: el porqué de los nombres de nuestros pueblos”.
Martínez Lema, P. “A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas".
Cabeza Quiles, Fernando. “Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia : a súa orixe e o seu significado”.


 PERILLO, SANTA LOCAIA




Neste mundo da toponimia temos un enemigo ao que sempre nos toca enfrentar ou esquivar, a homofonía. De cote tratamos de axustar a busca a aqueles vocablos que nos soan parecidos ao que buscamos. E partindo desta premisa, imos desbotar algunas ideas facilonas, como que o noso Perillo podería vir dun “tipo de panciño doce e con picos ao redor, ou dun “apéndice largo que teñen no pescozo algúns animais”… e, supoñemos que poderíamos encontrar máis significados. E cada vez nos iríamos afastando máis do significado orixinal.

Cremos que Perillo é un orónimo que deriva da palabra latina “petriculum” (diminutivo de “petra”) con significado de pedra, escollo, prominencia rochosa.

Aparece xa documentado nun cartulario de Santiago, do ano 1105 “cum cunctis suis operibus et hedificiis cunctis per suos terminos antiquos in omnique giro. id est contra coris consumario perillo que se figet in illa archa de Campara, et inde. per Fontem Benedicenti. et per illo rego”. E tamén outro cognato (pariente) medieval, nunha relación de igrexas co nome de “sanctus Martinus de Peroselo” nun códice do Tombo do Mosteiro de Samos do ano 997. Seica tamén foi un nome abondoso en época medieval o antropónimo Pero (hoxendía, Pedro), Así me vén á cabeza aquel Pero Meogo, xograr do S. XIII da nosa ricaLírica Galaico Portuguesa. Tamén todos aqueles que levan o apelido Pérez. E, transpasando as nosas fronteiras, os de nome catalán Pere.

E rematamos que o noso topónimo ten unha parentela moi extensa: Perillón, Perillona (A), Perillán, Perillana (A), Peracova, Peralbar, Peredo, Pereda, Peroselo, Perouta, Peroxa (A) e un largo ecetera.


BIBLIOGRAFÍA:

Diccionario Latín.
Codolga.
Nomenclator de Galicia.
José Carlos Sánchez-Pardo “Topónimos y advocaciones … en los nombres de las parroquias rurales gallegas”.
Dolores González “Arqueotoponimia”



 IÑÁS, SAN XORXE




Hipóteses de inicio.

a) Como antropónimo. Segundo a Wikipedia “Iñás hipotetízase que é un antropónimo latino que apareceu entre o século VII e X”. Seguimos esta vía ata dar con Ilianus Troyano. Continuamos a busca no CODOLGA e constatamos que o nome Ilianus aparece citado en distintos documentos en época altomedieval. Tamén que Elanio e Elano aparece entre os cántabros; Elano, tamén entre os lusitanos e celtíberos; Elanis entre los astures; Elanicus entre galaicos bracarenses; Elano entre los austrigones.

Este Ilianus podería ter sido un *Jilianus, típica variante de Julianus: Julián/Illán, Xillao, Sangiao… pero en ambos casos non cremos xustificado que puidese dar finalmente Iñás.

b) Tamén podería ser asociado co termo latino "signus-is". A forma adxectiva “signales”>As Siñás>As Iñás, as eternas marcas de linde postas, repostas e reutilizadas desde os tempos prehistóricos (… petras antiquas... per illas saxas albas... per strada qu excludet terminum …).

Conclusións.

Ata que damos cun documento do Arciprestado de Cervero de 1500, no que aparece o nome de “San Jurjo de Uiñaes” que esclarece bastante a orixe do nome e doutros nomes das súas parroquias. No noso caso e nalgunhas palabras onde a pronuncia do uve/u medieval diverxe do uve actual, chegando a provocar unha certa confusión.. Podería ter pasado nun principio por un *u iñaes ao Iñás actual. O sufixo -ás segue o modelo doutros topónimos da zona, como Currás, Trigás, Morás...Polo que concluimos que Iñás sería noutrora “terra de viñas ou dedicado ao cultivo das viñas”. Hai que ter en conta que hoxendía a paisaxe de Iñás sufriu unha fonda metamorfose,provocada polo progreso, pero non podemos esquecer esa industria vinícola dos nosos veciños betanceiros. 

(Como remate, comentar que ese "San Xorxe" é un castelanismo que habería que correxir).


BIBLIOGRAFÍA:

Wikipedia.

CODOLGA

Diccionario de Latín.

Gallaeciae Monumenta Historica