13 decembro 2022

Deza e os “outros” dezaos

 

MOTIVACIÓN:

Xa coñecemos o corónimo Deza dende hai tempo. Unha bisbarra que percorremos de cote, camiño das terras do sur. Tamén o nome do río, que discurre polo seu territorio e que posiblemente fose o causante do devandito topónimo. (Este caso lémbranos o do Barbanza e a sua contorna).

Así que viaxando por terras aragonesas, camiño de Almazán, vimos unha desviación a Deza. Resulta que por alí hai unha pequena localidade soriana con ese nome, que tivo moita importancia nas  loitas medievais entre os reinos de Aragón e Castela. Así que ese nome trasladounos no espacio ás nosas terras do  interior de Galicia.

E pouco a pouco, tirando do fio, fomos sacando datos. De todos é sabido que Deza non aparece no Nomenclator de Galicia por non ser unha unidade poboacional, como xa comentamos ao principio. Anque aparecen algúns parentes próximos: Cardezana, en Covelo (PO), Ribadeza, en Mazaricos (CO) e Os Dezas, en Touro (CO).


PESQUISAS:

No CODOLGA aparecen múltiples citas, as máis antigas como "Comitatus Deza" (ano 569) e "Comitatus Decensis" (año 572), na documentación relacionada con dous  concilios celebrados en  Braga. No reinado do rei Teodomiro creáronse once condados (comitatus) na diócese de Lugo.En todas as páxinas, froito dun "copia e pega", indican que o nome deriva de Dezam, pero non hai constancia documental ninguna de lugar con ese nome. Cremos que deriva do corónimo Deza, así como o hidrónimo do mesmo nome  Xa que a única  interpretación que encontramos para a voz Deza lévanos as linguas indoeuropeas, no sánscrito aparece "deśá" con significado «localidade, terra de naturalidade, lugar; rexion, província, país, nación».

Outra curiosidade aportada polo profesor A. de Almeida Fernandes considera que as poboacións portuguesas Dossãos, en Vila Verde (Braga), e Lações, en Oliveira de Azemeis (Aveiro) teñen como base "dezanos", xentilicio que apunta a sua orixe aos emigrantes fundadores desas dúas poboacións portuguesas. Dossãos aparece documentado como "dezaos" en 1220 e 1258. E Lações  correspondería á evolución Dossãos, correspondendo ao topónimo Dezanos (922).


BIBLIOGRAFIA:

Nomenclator de Galicia.

Codolga.

Manuel Carvalho Blog “De Aveiro e Portugal"

Portugaliae Monumenta Historica: Diplomata et Chartae.

Brujulea.net