18 xaneiro 2023

O Campo da Rata

 Foto do Campo das Ratas

Ao entrar en Melide ou sair, dependendo de onde veñas, os nosos ollos reparan de contado neste nome “A Rata”.  A primeira idea que nos vén á cabeza é que a súa veciñanza non estará moi contenta co nome que lles tocou lidiar. Así que pensamos botarlles unha man para eliminar calquera tipo de intrusión pexorativa.

Pero, como as penas compartidas son menos penas, este mesmo nome repítese nas Neves e a súa forma de plural,  en Cedeira. Pero tamén aparece como “Campo das Ratas” no concello de Narón e  “Campo da Rata” na Coruña. Tristemente, este é o máis coñecido por encontrarse aquí o  “Monumento en homenaxe as víctimas da represión franquista”.

Entón chamamos ao Hamelim de turno para que nos libre de tanta rata.  Pero resulta que pouco traballo vai ter porque a devandita praga non vén provocada por estes roedores. Estaría posiblemente relacionada coas bestas de carga ou cabalerías. Derivada do termo  arreata/arriata (“levar as bestas de arriata”), unha forma de levar ás bestas xuntas unhas a outras polo cabestro das albardas. Estas formas aparecen recollidas en diccionarios galegos e portugueses .En asturiano aparece como “arratar”, que presenta unha lixeira diferencia  léxica “atar as patas dos animais para que non escapen”.  A deturpación do topónimo segue un proceso bastante corriente como en casos tan coñecidos como A Grela ou O Grove.


BIBLIOGRAFÍA:

Tesoro de los diccionarios históricos de la Lengua Española”.

Diccionario Estraviz

Diccionario portugués

Diccionario General de la Lengua Asturiana

(Foto de pishqu M).


Ningún comentario: