13 maio 2023

A PENELA


A voltas coa Toponimia.

De regreso a casa, ao pasar por Borraxeiros (PO), a miña vista vaise a un cartel "Penelas". E a cabeza xa me empeza a dar voltas como o centrifugado dunha lavadora. A miña intuición levame a pensar en "rocha, pena pequena". A miña memoria confírmame que non hai moito pasamos por Penela, un concello do distrito de Coimbra. Así que deixo este centrifugado mental para retomalo na casa.

Revisando información dixital, resulta que este termo aparece recollido en diccionarios tanto en galego coma portugués. E tamen aparece sobradamente documentado en diversos textos. Consultando o nomenclator asemade comprobamos que está recollido con diferentes formas Penela, Penelas, A Penela, As Penelas. E tamen en formas compostas Freixoso de Penela, Sas de Penelas, Penela Garceira. E, para rematar, acaba pasando aos antroponimos. Non e raro oír de alguen que se apelide Penela ou Penelas.

Etimoloxicamente procede da palabra latina "penna ou pinna", derivadas de "pennus" con significado de "apuntado, en punta". Polo que se aplicaría a localidades ubicadas en "pequenas elevacions do terreo", "outeiros".

Tamén pode referirse á existencia ou conservación dunha penela ou pinela significativa como marca de linde ou camiño. Neste senso aparece citada en documentación notarial de 1561 no caso de tres fumeiros aforados polos monxes bendictinos de Lérez a Gómez Patiño, ubicándoos no Burgo mirando cara A Penela. E a finais dese mesmo século volve a ser A Penela un referente para ubicar a área onde os alcaldes de Pontevedra impartían xustiza.

(A fotografía está tirada das Redes e corresponde á Penela, distrito de Coimbra).