22 decembro 2024
Sabrosa. Vila Real.
06 agosto 2024
RAIRIZ DE VEIGA E LUGARES.
SAINZA, A. Orónimo.
Planitia (del latín “planus-a-um”). Planitia<chainza<sainza, con significado de terra chá. Esta é a última hipótese, que acae moi ben á topografía deste lugar, segundo os profesores Gonzalo Navaza e Elixio Rivas.
Avanzando na anterior hipótese de Piel que vencellaba o topónimo co termo latino “salix-ices, sobre a forma salice, co significado de lugar abondoso en salgueiros. Difícil de xustificar.
BIBLIOGRAFÍA:
Diccionario Latín.
Real Academia Galega.
Blog Mundo R.
“Toponimia do Concello de Navia de Suarna”. Colectivo Patrimonio dos Ancares.
XUXÁ. Orónimo.
Esta forma e derivados veñen do latín “deorsum” con significado de “abaixo, cara abaixo”.
Non aparece recollida ningunha das súas formas en documentos pero lémbranos aquelas formas de Suso e Yuso, referidas aos mosteiros de San Millán de la Cogolla, en La Rioja. Temos como referentes Jusá de Neira, nome medieval que recibían parte das terras do actual concello de Baralla e Hermedesuxo en Fisterra. Todos relacionados cunha orografía especial no territorio que ocupan.
BIBLIOGRAFÍA:
Diccionario latín.
Nomenclator de Galicia.
web documentaciónmontegalego.xunta.gal/
Fotografía de Bruno Rúa.
(Grazas á colaboración impagable do noso amigo Caperluso Carvoeira).
01 agosto 2024
MONDÓN, MARABILLA NATURAL.
MONDÓN
Mondón é un pequeno lugar abandonado do concello do Bolo, perto do encoro de Santa Olalla. Aínda hoxe pódense ver as súas casas en ruinas e os restos do seu balneario. Pero parece que a súa orixe está vencellada a unha antiga ferrería, que, con anterioridade, se construiu para a producción de cobre, que aparece documentada no S. XIX. Así que imos darlle unhas voltas ao seu topónimo, sen rexeitar outras hipóteses posibles á que proponemos a continuación.
MONDÓN. Orónimo.
Segundo o profesor Edelmiro Bascuas existe unha raíz celta-galaica MIND-, que se correspondería coa raíz indoeuropea MEN, con significado de “elevación, monte”. Variantes de MIND-, como MOND-, MUND-, por contacto cunha consonante labial provocaría estas variacións vogálicas.
Seguindo a vía oronímica temos outro El Mondón, que aparece como unha pequena elevación natural nos Monegros (Alto Aragón) de 328 m de altitude sobre o nivel do mar. Tamén Mondoñedo, a antiga sede de San Martiño, actual parroquia de Foz, encóntrase nun alto. E O Mundil, en Cartelle. Mondim de Basto, en Portugal, tamén presenta ese tipo de orografía. Por último, contamos con varios Mondelo, espallados por Galicia, que teñen a mesma raíz. E poderían ter un significado parecido. Habería que ver caso por caso.
BIBLIOGRAFÍA:
“Blog de Prada” https://pradaweb.blogspot.com/
“El Balneario de Mondón” https://www.albergueria.es/bmondon.htm
“Toponimia galego-portuguesa e brasileira”… https://toponimialusitana.blogspot.com/
Toponimia de Galicia… https://toponimia.xunta.gal/es/video/mondonedo
“El yacimiento de El Mondón”… https://proyectomonegros.com/mondon/
Somos Comarca… https://www.somoscomarca.es/articulo/obolo/
Blogue “Rebumbio, Remoído, Peneirado”… https://remoido.blogspot.com/
“Los fenómenos de homonimia y homofonía…” Joaquín Caridad Arias.
23 maio 2024
XINZO DE LIMIA E OS SEUS RECANTOS.
XINZO DE LIMIA
SOLVEIRA. (Fitotopónimo).
Deriva do latín "sorbus" ou "sorbum". De aquí pasou ao latín vulgar como "sorbaria". Aparecendo recollida a forma "sorbas" por un botánico hispanoárabe do seculo XII/XIII. Hoxendía está recollido no Estraviz coa forma sorva/sorveira. Mentres que no RAG xa non aparece. Dependiendo do étimo, vén a significar lugar onde abundan/abundaban as sorvas ou sorveiras. Difícil xa precisar o tipo de "sorbus", doméstica, aucuparia ou outro tipo do xénero sorbus.
Tamén se conserva este topónimo en Paderne de Allariz (OU). E noutros lugares de España con nomes similares Sorbas, en Albacete e Almería. Sorbeda e Sorbeira, en León, este último nos Ancares.
BIBLIOGRAFÍA:
Lexilogos.
Du Cange.
CODOLGA.
Diccionarios Infopedia, Estraviz e RAG.
"Toponimia de la Sierra de Baza", de Amador Díaz García e Manuel Gómez Lorente.
Fotos da Wikipedia.
BARONZÁS. (Antropónimo).
Varias persoas de nome “Baronza” aparecen citados en distintos documentos no Tombo de Celanova, desde o ano 946 ao 1128. Os profesores Piel e Kremmer constatan este nome como xermánico.
Posteriormente, en 1165 xa aparece no devandito tombo o topónimo “Barunzanes” como un lugar de residencia. Polo que deducimos que o topónimo deriva de (villa) Baronzanis, en relación a un antigo posesor desas terras, de orixe xermánica.
O cambio de sufixo a Baronzás segue os mesmos criterios dialectais ca outros da área lingüística, como Currás, Madarnás, Xurenzás...
BIBLIOGRAFÍA:
CODOLGA.
Celtiberia.net
Wikipedia.org/
Fotografía de Bruno Rúa.
Punto de partida: “Laragia” aparece citada por primeira vez no ano 1046 no Tombo de Celanova “monasterii sancti Petri de Laragia (…) in territorio Limie (…) discurrente rivulo Laragiola”. Moitas veces máis noutros documentos deste tombo e do de Caaveiro, onde aparece citada outra “Laragia”(“Laraje”, nalgún caso) acompañadas dos adxectivos “Vella”, nuns casos e “Vetula”, noutros, referidos ao actual lugar de Laraxe (Pontedeume).
Procedencia: pode derivar do étimo celta *(p)lara- con significado de chan, chaira, planicie. Como os topónimos Laracha, Laraxe, Laraño, Laranga, Laredo (CA)...
Por último, consideramos que Laroá derivaría de Laragiola, o nome do río, que tomou a forma do diminutivo. Éstas localízanse na zona oriental de Galicia, incluida Asturias e terras de Tras-Os-Montes, como Grixoá, Leiroá, Raxoá, Cabezoá...
BIBLIOGRAFÍA:
CODOLGA
Celtiberia.net
Fotografía de Bruno Rúa.
10 marzo 2024
SACARDEBOIS
No CODOLGA encontramos a primeira referencia documentada, no ano 1204,como “Sicario de Bobus”, en relación a un casal, que alí tiña o Mosteiro de Santa Cristina. O dato resulta revelador pois o adxectivo latino “siccarius” significa “que serve para secar, lugar destinado para secar”. Este mesmo topónimo segue a aparecer en documentos posteriores como “Seker de Bobus” (ano 1238) e “Sequer de Bois (varias mencións desde o 1240 ao 1258). O cambio da vogal e por a, bastante habitual na transmisión oral, lévanos a esa forma “Sacar”. Con significado de “lugar abondoso en sequeiros. Así nolo confirma unha veciña da zona, que nos comenta que en todas as casas había un sequeiro para secar as castañas e os chourizos.
Tocante ao segundo elemento “Bobus”, sería unha forma de “bos-bovis” con significado de “para os bois”, en alusión ao un posible río ou regato que por alí baixa. Esta forma non resulta única, pois aínda hoxe se conserva algún outros cognatos, como o lugar de Río de Bois, na Pobra do Brollón. E tamén outro Río de Bois en Poio (PO). Pero esta hipotese queda pendente de confirmación, pois aínda non dimos recoñecido ese río.
BIBLIOGRAFÍA:
CODOLGA
Diccionario de latín Gaffiot.
Arqueotoponimia https://arqueotoponimia.blogspot.com/
Eduardo Prieto “Etimoloxia de Sacardebois, Ribeira Sacra”.
Joaquín Caridad Arias “Los fenómenos de homonimia… de la Europa Occidental”.
Xoán Arco da Vella (fotografía).
02 xaneiro 2024
Xuxá/Xuxán.Un pasado e un presente.
Xuxá/Xuxán.
Contestando á pregunta dun amigo sobre o microtopónimo Xuxá, no concello ourensán de Rairiz de Veiga, o primeiro que nos veu á cabeza foi este novo complexo urbanístico que se está a desenvolver na nosa cidade herculina. Sito entre Eirís e Elviña vén a recuperar o seu nome antigo Xuxán.
Non aparece recollida ningunha das súas formas en documentos pero lémbranos aquelas formas de Suso e Yuso, referidas aos mosteiros de San Millán de la Cogolla, en La Rioja. Temos como referentes Jusá de Neira, nome medieval que recibían parte das terras do actual concello de Baralla e Hermedesuxo en Fisterra. Todos relacionados cunha orografía especial no territorio que ocupan.
Polo tanto, consideramos que, como aqueles, estas formas e derivados veñen do latín “deorsum” con significado de “abaixo, cara abaixo”.
BIBLIOGRAFÍA:
Diccionario latín..
Nomenclator de Galicia
web documentaciónmontegalego.xunta.gal/
Fotografías de Idealista.com e Opinión A Coruña
(Grazas á colaboración impagable do noso amigo Caperluso Carvoeira).
24 xullo 2023
OLEIROS
OLEIROS

PARROQUIAS:
SERANTES, SAN XIAO.
A primeira vista, parecería un topónimo transparente xa que encontramos 16 formas iguais ou con lixeiras variantes segundo no NG. recolléndose case todos na parte occidental de Galicia. Continúa a espallarse en menor medida por Asturias, chegando de forma excepcional, en forma de orónimo, a Vizcaia.
O Padre Sarmiento xa o relacionaba co verbo latino “sero” (plantar, cultivar). Outros filólogos modernos postulan que podería derivar dun antropónimo, uns a partir do nome persoal Serus e outros , de Sarranates. Aínda complica máis a cousa comprobar que na Idade Media este topónimo aparece maioritariamente recollido nos documentos oficiais como “Sarantes”.
Polo que a hipótese máis sólida é que poda derivar da raíz sar-,apostando por unha base hidrotoponímica de sustrato indoeuropeo. Moitos hidrónimos galegos presentan esta raíz: Sar, Sor, Ser, Sarria e formas derivadas ou compostas. Seguido do sufixo -ntes, morfema con valor étnico ou tribal, apuntaría ao sentido etimolóxico de “habitantes do río, da ribeira ou da lagoa”.
BIBLIOGRAFÍA:
Nomenclator de Galicia (N.G.)CODOLGA.
Hermo González, Gonzalo. “Topónimos de base Sarand- e Serant-; unha hipótese etimolóxica común”.
Moralejo Laso, J.J. “Hidronimia prerromana de Gallaecia”.
Bascuas, Edelmiro. “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega”
Garcia Arias, X.L. “Toponimia asturiana: el porqué de los nombres de nuestros pueblos”.
Martínez Lema, P. “A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas".
Cabeza Quiles, Fernando. “Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia : a súa orixe e o seu significado”.
PERILLO, SANTA LOCAIA
Cremos que Perillo é un orónimo que deriva da palabra latina “petriculum” (diminutivo de “petra”) con significado de pedra, escollo, prominencia rochosa.
Aparece xa documentado nun cartulario de Santiago, do ano 1105 “cum cunctis suis operibus et hedificiis cunctis per suos terminos antiquos in omnique giro. id est contra coris consumario perillo que se figet in illa archa de Campara, et inde. per Fontem Benedicenti. et per illo rego”. E tamén outro cognato (pariente) medieval, nunha relación de igrexas co nome de “sanctus Martinus de Peroselo” nun códice do Tombo do Mosteiro de Samos do ano 997. Seica tamén foi un nome abondoso en época medieval o antropónimo Pero (hoxendía, Pedro), Así me vén á cabeza aquel Pero Meogo, xograr do S. XIII da nosa ricaLírica Galaico Portuguesa. Tamén todos aqueles que levan o apelido Pérez. E, transpasando as nosas fronteiras, os de nome catalán Pere.
E rematamos que o noso topónimo ten unha parentela moi extensa: Perillón, Perillona (A), Perillán, Perillana (A), Peracova, Peralbar, Peredo, Pereda, Peroselo, Perouta, Peroxa (A) e un largo ecetera.
BIBLIOGRAFÍA:
Diccionario Latín.
Codolga.
Nomenclator de Galicia.
Dolores González “Arqueotoponimia”
IÑÁS, SAN XORXE
Hipóteses de inicio.
a) Como antropónimo. Segundo a Wikipedia “Iñás hipotetízase que é un antropónimo latino que apareceu entre o século VII e X”. Seguimos esta vía ata dar con Ilianus Troyano. Continuamos a busca no CODOLGA e constatamos que o nome Ilianus aparece citado en distintos documentos en época altomedieval. Tamén que Elanio e Elano aparece entre os cántabros; Elano, tamén entre os lusitanos e celtíberos; Elanis entre los astures; Elanicus entre galaicos bracarenses; Elano entre los austrigones.
Este Ilianus podería ter sido un *Jilianus, típica variante de Julianus: Julián/Illán, Xillao, Sangiao… pero en ambos casos non cremos xustificado que puidese dar finalmente Iñás.
b) Tamén podería ser asociado co termo latino "signus-is". A forma adxectiva “signales”>As Siñás>As Iñás, as eternas marcas de linde postas, repostas e reutilizadas desde os tempos prehistóricos (… petras antiquas... per illas saxas albas... per strada qu excludet terminum …).
Conclusións.
Ata que damos cun documento do Arciprestado de Cervero de 1500, no que aparece o nome de “San Jurjo de Uiñaes” que esclarece bastante a orixe do nome e doutros nomes das súas parroquias. No noso caso e nalgunhas palabras onde a pronuncia do uve/u medieval diverxe do uve actual, chegando a provocar unha certa confusión.. Podería ter pasado nun principio por un *u iñaes ao Iñás actual. O sufixo -ás segue o modelo doutros topónimos da zona, como Currás, Trigás, Morás...Polo que concluimos que Iñás sería noutrora “terra de viñas ou dedicado ao cultivo das viñas”. Hai que ter en conta que hoxendía a paisaxe de Iñás sufriu unha fonda metamorfose,provocada polo progreso, pero non podemos esquecer esa industria vinícola dos nosos veciños betanceiros.
(Como remate, comentar que ese "San Xorxe" é un castelanismo que habería que correxir).
BIBLIOGRAFÍA:
Wikipedia.
CODOLGA
Diccionario de Latín.
Gallaeciae Monumenta Historica











%20recorte.png)
.jpg)
