24 febreiro 2026

MUGARES


 


No primeiro rexistro que encontramos aparece o topónimo como “Mogares” (952) no Tombo de Celanova, en documento relativo á ubicación dun lugar “inter Sancto Vincentio et Mogares quos vocitant Cesuras…”Posteriormente aparece citado no ano 1241 nun pergameo do Mosteiro de Oseira como “Mugares” (“... Petrus Iohannis rector ecclesie de Mugares…” ) e 13 citas documentais máis.

A variación vocálica resuta normal no galego: peche de vogal media.

Posteriormente aparece un xentilicio que presenta diferentes formas. A máis antiga, Monago “Guntino Monago” (ano 998), Moogo citado 50 veces acompañando a distintos nomes Oveco Moogo ata… Sancius Moogo, desde1117 (S. XII e XIII). Pelagio Moago (documento da catedral de Ourense,1208), xentilicio Mogo nomeado 4 veces desde 1245.(Domenicus Petri, dictus Mogo (Moço), en1122. Este apelido segue ata hoxendía como no caso de José Antonio Monago (1966) e outros.

Neste último bloque cremos que veñen a derivar da forma latina“monachus”, con significado de monxe ou pertencente ao/s monxe/s. Nome que foi experimentando transformacións ao longo do tempo, como imos recollendo nas anteriores citas documentais.

Chegados a este punto, vemos unha crara interferencia entre estas dúas familias léxicas, que nos dificultan a procura do seu significado orixinal. Polo que seguimos na busca de topónimos que presentan paralelismo cos anteriores:

Mogor (Marín), O Mogor de Fóra e O Mogor de Terra (Valdoviño), Mugardos (Narón), Mogadouro (Portugal), Mogán (Gran Canaria), Muga de Sayago (Zamora).Isla de Mogador (Marruecos), Mogoro (Cerdeña).Como topónimos tal vez relacionados podemos citar tamén "Magoira" en Cedeira, e hai un "Penamacor" (tamén transcrito na Idade Media como "Penamocor"). Outros aparentemente relacionados, tanto no significante como no significado, serían os topónimos "Os Mogotes da Gabeira", en Cedeira e en "Os Mogotes dos Aguillós", en Cariño, que corresponden a pequenos cantís costeiros ou illotes. Tamén os mogotes de Viñales (Cuba), non resulta descartable que lle chamasen “rochas de monxe”, metafóricamente, pola súa forma.

Neste sentido, o profesor Higinio Martíns, no seu libro “As tribos calaicas” fala dun “Manhom” procedente do grego ou indoeuropeo “moukho” con significado de monte, fito, linde, e nalgúns dos devanditos casos, estaría relacionado con detalles orográficos, como lugar alto ou cantil rochoso. E Fernando Cabeza Quiles, no seu libro “Toponimia celta de Galicia” retoma a idea anterior, que nós compartimos como a hipótese que máis se axusta á meirande parte dos topónimos sinalados..

Pero non sería descartable, que Mugares, como o resto da contorna e terras do Ribeiro, fosen terras ocupadas e transmitidas en doazóns ou como moeda de cambio entre particulares, pequenos mosteiros e posteriormente as grandes ordes monásticas. A forma de plural neste caso resúltanos de moita importancia monachus >monachicus>Monacales>Monagales>Mogares>Mugares.

Como colofón apuntamos este curioso fragmento, que recollemos na Wiki: “A través da documentación medieval do tombo do mosteiro de Celanova sábese da existencia do mosteiro de Santa Uxía, cara ao Porto dos Abades, e do mosteiro de San Vicente, fundado como mosteiro particular polo converso Esgas e doado polo seu pai Fafila a San Rosendo no ano 952 xunto con varios lugares como Mugares e diversas terras”.


BIBLIOGRAFIA:

Nomenclator Galicia

CODOLGA

Wikipedia.

Dolores González… https://arqueotoponimia.blogspot.com

As Tribos galaicas”, Higinio Martíns

Xosé González... https://penadacataverna.blogspot.com

Foto da Wikipedia.

Ningún comentario: