13 xuño 2022

Reporicelo e a Galicia baleira


Reporicelo


Reporicelo foi lugar do concello valdeorrés de Rubiá. O nome trasládanos a un lugar remoto e, tristemente, lonxano na memoria. Hoxe queremos darlle unha nova vida e sacalo do baúl do esquecemento. A aldea leva abandonada dende hai anos e hoxendía semella convertida nunha guarida de bichos. Alguén dirá que a natureza recupera o que é de seu, pero eu penso tristemente nas voces ausentes que aquí viviron e nos soños daquelas xentes que nunca chegaron a cumplirse. Ata que o noso estimado premio nöbel Camilo José Cela acabou por inmortalizalo na súa novela “Mazurca para dos muertos” facendo nacer a Lódola, a súa protagonista, en Reporicelo.
Tocante ao topónimo, non temos documentación nin paralelismos, así que todo o baseamos en dúas hipótesis.
A primeira, que podería derivar de “reparar” con significado de vixiar. Reparicelo/*reparicela =posto de vixiancia. Insistindo nesta liña, Cabeza Quiles, na súa obra “Toponimia de Galicia”, apunta que podería provir do francés “bord”, con significado de borde no sentido de caixa orográfica. Ao xuntarse bruscamente un terreo moi chan co comezo dunha elevación de terreo. ¿Reparada, en Vimianzo, entraría no mesmo lote?
Outra hipótese é que puidese derivar de robur/rebor (quercus robur), co sufixo de diminutivo -elo viría a significar o mesmo que O Carballiño. Estaría en relación con Rebordáns, Rebordelo, Rebordechao…e variantes.

Bibliografía:
Fernando Cabeza Quiles “Toponimia de Galicia".
A. Castro Voces “Reporicelo y Camilo José Cela”.
(Fotograma dun vídeo de Alberto Gallego).


Vilabril
Vilabril
Esta semana querémosvos contar que no Barco, terra que me viu nacer, houbo un lugar chamado Vilabril. Descubrino un día falando co noso bo amigo Manolo, "O Pavero", comentou que "tiña que ir todos os días á horta de Villabril". E isto avivou a nosa curiosidade. Non dimos encontrado o lugar porque xa non existe na actualidade nin fotos do seu pasado, pero ainda queda como lembranza a "Rúa Villabril". E algún establecemento comercial ubicado na devandita rúa.
Por iso, hoxe facemos resucitar este pequeno lugar, posiblemente habitado dende época medieval, polas referencias documentais, ata a súa desaparición. Á beira do Sil, tiña un clima benigno e unhas terras de grande calidade, propicias para o desenvolmento agrícola. Pasado o tempo, só contaba con catro veciños no Catastro da Ensenada (1752). E xa non aparece citada no Diccionario de Madoz (mediados S. XIX).
Podería derivar de “Uilla Aprilii”, antigo posesor de orixe latina chamado Aprilius ou de “Uilla Berildi”, nome Berildius, antropónimo de orixe xermánica. Confirmanos Xosé González que existe outra cita “Villare Berilli” nun pergameo mindoniense do S. X, aplicable a Vilabril das Negradas, no concello de Mañón. Polo que viria a confirmar que o nome deriva dese último antropónimo, antigo propietario ou administrador dese predio.
Tocante ao xentilicio, xa aparece documentado a principios do S. XIII. E actualmente a maior concentración de persoas con este apelido encóntrase na provincia de Pontevedra e por qué será que os ourensáns con ese apelido están no Barco.
Como remate, hai unha lenda que indica que o lugar foi abandoado por mor dunha praga de formigas moi voraces, que o comían todo. Seguramente a praga sería de termitas, como ten acontecido noutros lugares, segundo temos constancia.

Bibliografía:
Xosé González "Apuntes sobre a microtoponimia do Concello de Vicedo.
Foto de "Somos Comarca".


Nostín
Fotografía da igrexa de San Miguel de Xagoaza
(Fotografía da igrexa de San Miguel de Xagoaza).

Este nome podería derivar do nome de familia latino Nostius,sendo a forma do xenitivo Nostii ou Nosti. Quizás en alusión ao antigo propietario ou representante dunha pequena explotación agro-pecuaria. O nome L. Nostius Zoilus xa aparece citado nunha epístola que envía Cicerón a varios dos seus coñecidos.
Nostín aparece documentado no Tombo de Samos (ano 1175). Tamén, segundo este documento, estaría ubicado en terras de Valdeorras (“In Iorres”), quizáis na contorna de Arcos-Xagoaza.
Aparecen os seus cognados nas terras de Bearn (Pirineos Atlánticos-Francia). En lingua occitana mantense a forma Nostin, mentras en francés nomearíase Nousty. E existe outro Nostim, en Peso da Régua (Portugal).
Hai outra teoría, defendida por Joseph M. Piel, que relaciona os topónimos galegos Nouche, Nostián e o portugués Nostim co nome do bispo Nausto de Coimbra (867-912).
En todo caso, o lugar desapareceu hai bastantes anos pois non queda rexistrado nin no Catastro da Ensenada nin no Diccionario Madoz. Así que calquera información ou aporte sería moi interesante para darlle unha nova vida a esta parte da nosa “Galicia Baleirada”.

Bibliografía:
Gaffiot, Diccionario Ilustrado Latín-Francés.
Piel, Joseph M. “A propósito do nome do bispo Nausto de Coimbra”
Keith Bradley “Esclavitud y sociedad en Roma”
Wikideck.
CODOLGA.